4 de diciembre de 2017

As historias de Ismaíl

Como xa expliquei noutro post, xa pasaron 20 anos desde a aparición de Ismaíl. Hoxe quero lembrar como empezou todo, pois ao final regresou á súa aula, aínda que non sabemos por canto tempo.

  • No ano 1997, en Malpica de Bergantiños, unha boa porteira de fútbol que se chamaba Vanesa Medín escribiu o conto O pobre Ismaíl. Ninguén coñecía esa historia, nin o mestre, e foi unha sorpresa incrible o seu descubrimento. Así comezou o que pasou despois.
  • Entre os anos 1998 e 2001, outros nenos e nenas adiviñaron máis historias novas. Por esa razón, a vida de Ismaíl empezou a ser coñecida e valorada en moitos lugares, desde Santiago ata Barcelona e Madrid.
  • Durante os anos 2002 e 2004 seguiron aparecendo outras historias e máis misterios. Por exemplo, chegou a Internet e Ismaíl tivo a súa propia páxina web para estar tamén nese mundo virtual.
  • A partir do ano 2005, Ismaíl coñeceu o noso colexio, na Ría do Burgo (Culleredo), xa que tivera que abandonar as terras de Malpica. As súas historias continuaron e a súa web seguiu medrando ata o ano 2008, máis ou menos. Foi a época de Ismaíl e Drago, a famosa historia de Vanesa Bouzas.
  • Desde o ano 2009 ata a actualidade, as cousas cambiaron coa aparición dos blogs. Como sabes, o seu, Escola de Ismaíl, acadou a quinta edición. Con todos eles aumentou o número de contos e de aventuras, de visitas e de comentarios, que case chegaron a ser interminables.
  • Por iso, este sitio, que se chama O dragón e o Caldeiro Máxico, intenta recoller as aventuras que os seus amigos e amigas foron descubrindo en forma de novos contos. E Drago é o seu gardián.
  • Para rematar, esta entrada ou post trae un desafío para os valentes que non teñan medo ás historias… Serás capaz de contarnos algo novo de Ismaíl que aínda non estea descuberto? Xoga e inténtao…

3 de diciembre de 2017

Os elementos do conto

Na educación primaria, as historias breves son moi apropiadas para desenvolver a linguaxe oral e a composición escrita. Para producir unha historia, por exemplo, reducen o número posible de pasos que se poden xerar durante a elaboración dos seus elementos. E esa realización sempre será máis fácil de controlar, ademais de favorecer os diferentes procesos de aprendizaxe.

En todo caso, os elementos dun conto serven para definir as súas características [Por que]. Os principais son:

  1. Os protagonistas, os heroes, e os demais personaxes que caracterizan a historia [Quen].
  2. Os espazos e lugares, o escenario do relato [Onde].
  3. O tempo: pasado, presente ou futuro [Cando].
  4. Retos e aventuras, o problema: a fase máis importante [Que].
  5. O desenlace, que pode incluír a participación dalgún obxecto máxico [Como].

Elementos.jpg

29 de noviembre de 2017

A marabilla dos contos

Un conto é unha narración breve onde se relata unha historia que non é real, pois vive na nosa imaxinación. Pero o mellor desta clase de narracións é que serven para contar case calquera historia da vida.

Por iso, abrir un conto é como abrir unha porta aos mundos imaxinarios e reais. E cando o mundo aínda era novo, as chaves que abrían esas portas construíanse coas fórmulas marabillosas de inicio e final, sempre moi necesarias para comprender una historia.

4

22 de noviembre de 2017

Despois de vinte anos

Despois de vinte anos, o certo é que as historias non están acabadas nin foron totalmente contadas...

Así, no curso 2014-2015 Ismaíl explorou os contos milenarios da Ruta da Seda, desde Asia Central ata Galicia. E durante o curso 2016-2017 realizou a viaxe en sentido contrario, é dicir, desde os contos populares do noso mundo ata Saidabad, a súa aldea perdida, no afastado centro de Asia.

Por iso, agora non está na súa aula pois aínda non regresou, porque as viaxes tamén cansan e el xa ten moitos anos. A pesar de todo, creo que non se sinte demasiado feliz desta maneira, separado de nós e sen vivir nun blog como fixo sempre desde que chegou ao CEIP Isaac Díaz Pardo.

Estou seguro de que algún día Ismaíl volverá. E como non o dubido, hai que estar preparado. A súa ausencia impediu que houbese un blog novo desde o principio deste curso 2017-2018, pero xa temos unha solución. Este sitio, O dragón e o Caldeiro Máxico, tamén será un blog provisional de aula durante o tempo que el o necesite, a partir do día no que decida regresar.  

Ismaíl, agardámosche!

saludo

6 de marzo de 2016

Os artefactos para inventar historias

Todas as historias que se gardan neste sitio foron construídas con estes artefactos narrativos. De feito, as ideas do Caldeiro Máxico non se poden entender sen ter en conta as fórmulas marabillosas, as palabras poderosas, o binomio simbólico e o entramado fantástico.

24 de agosto de 2015

Pequena fábrica de escritura

A escritura é unha actividade única: facilita que nos enfrontemos de maneira consciente ao vocabulario das ideas para descubrir o seu significado. A escritura activa os procesos de pensamento propio dun xeito reflexivo. Pero non todos os textos poden ser moldeados sobre unha estrutura máis ou menos fixa con elementos case prefabricados, e orixinar con ese recurso unha interminable serie de combinacións. Ese texto único que permite tantos cambios creativos é o conto, tal e como desde 1996 se amosa nas ideas do Caldeiro Máxico.

Nese sentido, imaxinar e escribir historias proporciona unha finalidade real para aumentar o control sobre a lingua escrita, xa que é un medio poderoso para desenvolver a comprensión, a ampliación e a transformación da experiencia que posúen os nenos. Por iso, a escola debería funcionar como unha pequena fábrica de escritura creativa.

Construír historias na mente, elaborar contos, é unha actividade que incide en todos os aspectos da aprendizaxe. Porque como dixo o poeta William Blake, a imaxinación non é un estado, é a existencia humana na súa totalidade…

O taboleiro fantástico

14 de agosto de 2015

Un caldeiro para imaxinar

Na época que se supoñía das odiseas no espazo aínda hai tempo para as historias. Hoxe todo iso noméase como storytelling, ou tamén como digital storytelling, e lévase á vida persoal e laboral. Mesmo se aproveita a ocasión para recomendarnos que vivamos a nosa vida tendo en conta as imperfeccións da nosa historia. Por esas razóns, sempre me pareceu unha boa idea valorar na escola a vella arte de contar contos.

A primeira versión do Caldeiro Máxico é do ano 1996, e coincidiu no tempo coa aparición de Ismaíl. Ese ano resultou premiado pola Consellería de Educación (Xunta de Galicia) na experiencia escolar da que formaba parte. O traballo apareceu publicado no número 18 da Revista Galega do Ensino (1998). Logo viñeron outras versións dese artefacto para inventar historias, pero a animación que está debaixo contén o caldeiro máxico máis completo e fermoso.

O Caldeiro Máxico