3 de julio de 2015

Entre dous mundos

Era o ano 1996, hai xa tempo. Ninguén sabe moi ben como ocorreu nin a explicación da súa chegada, pero unha vez apareceu no mundo dun colexio de Malpica de Bergantiños un personaxe chamado Ismaíl. Desde a primeira historia, a forza da súa presenza chegou a ser tan importante que se integrou sen moitas dificultades nos distintos ambientes de aula aos que accedía.

Unha boa parte de todo isto xa foi contado antes en certo libro, e recoñecido tamén de formas diversas. Pero nunca se recolleran nun mesmo sitio todas as historias, pequenas ou grandes, que se escribiron sobre este ser diminuto, en colaboración ou individualmente. Este é o proxecto que intentaremos resolver aquí, no mundo dun colexio de Culleredo: xuntar e contar o que, nestes case vinte anos, un montón de nenos e de nenas foron capaces de imaxinar e compartir.

Un afamado profesor americano (Howard Gardner) dixo que, na educación, aquelas experiencias que non teñen impacto emocional tampouco posúen atractivo. E son esquecidas con rapidez, sen deixar ningunha clase de pegada ou algunha sinxela representación mental. Creo que con Ismaíl, neses dous mundos, sempre sucedeu o contrario…

Ismaíl o diminuto

NOTA: Esta imaxe é un fragmento dun debuxo que foi coloreado dixitalmente por María Pardo (2012), a partir dun traballo orixinal de Carolina González (2007).

1 comentario: